Xogar á ruleta rusa (10-02-2004)

Dositeo Fdez. Fuente

 

Por razóns laborais transito tódolos días alomenos catro veces pola carretera que vai de Xarás a Corrubedo e raro é o día que non teño que frear ou parar para evitar ser embestido polos camións cargados de formigón que se incorporan a esta vía invadindo totalmente o carril contrario e a maioría das veces sen respecta-lo sinal de stop que os obriga a parar.

De cando en vez tamén teño que frear ou determe para non embestir cun autobús de transporte escolar que, para incorporarse á mencionada vía, ten que invadir totalmente o carril contrario.

Desde estas páxinas quero denuncia-la deficiente sinalización deste punto concreto nos seguintes aspectos:

- Non hai sinalización limitadora de velocidade polo que, atendendo ás características da vía, pódese circular a 90 km por hora.

- Non hai sinal que advirta dun cruce perigoso.

- Non hai sinalización que advirta da saída de vehículos pesados.

- A incorporación dos vehículos pesados non está en ningún momento controlada por un operario equipado coa roupa e coa sinalización regulamentada na lexislación actual.

Se para quenes coñecemos o perigo o risco é elevado, cabe imaxinar que para os que non o coñecen este risco vese multiplicado.

Mentres as autoridades non remedien a situación seguiremos a xogar á ruleta rusa.

 

Atascos y más atascos  (06-07-2003)

 

En Ribeira el problema de los atascos es un mal crónico.

En invierno que si las mamás que llevan y traen a sus hijos al colegio, que si los trabajadores que van y vienen de casa al trabajo y del trabajo a casa, que si los autobuses escolares, que si los camiones de reparto, que si el mercadillo del sábado, que si la lluvia, que si el frío ...

Ahora en verano que si los veraneantes habituales que van y vienen a la playa, que si los visitantes esporádicos que se desorientan en el laberinto viario, que si las calles que se cortan por obras, que si las atracciones de las fiestas, que si el calor ...

Lo cierto es que tanto en verano como en invierno, tanto con calor como con frío, tanto cuando estamos solos como cuando somos invadidos, los atascos son un tributo que tenemos que pagar por el exceso de automóviles en relación con la escasa y estrecha red viaria estrangulada por tanto edificio construido o en fase de construcción.

 

 

Máis prazas para aparcar no Malecón (22-06-2003)

 

Co aumento do número de prazas para aparcar no recheo do Malecón solventouse en certa medida a precariedade de espacio adicado ó estacionamento de coches. Sen cortar a vía de servicio interior do porto habilitouse un bo número de prazas que, aínda que siguen a ser insuficientes, alivian algo a situación.

Se a medida de invertir o sentido do estacionamento na Avenida do Malecón é moi cuestionable a tódolos niveis, esta merece ser aplaudida e defendida. Ogallá que tódalas actuacións dos responsables de ordenar o tráfico en Ribeira mereceran tamén ser aplaudidas. Outro galo cantaría.

 

 

As imaxes do punto negro de Artes

(28-05-2003)

Se baixas cara Corrubedo é moi fácil topar cun camión que sae invadindo totalmente o teu carril.

Non hai sinais que informen do perigo nin persoa algunha que sinalice ou dirixa a manobra de incorparación do vehículo pesado á vía principal.

Se subes cara Xarás tamén é moi fácil topar un camión que lentamente se incorpora á vía.Tampouco neste sentido hai sinais de perigo nin persoa que sinalice a manobra.

 

Dous puntos negros  (19-05-2003)

Seguro que son moitos máis pero no percorrido que a diario teño que realizar hai dous que constitúen un serio perigo para o tráfico rodado e nos que en máis dunha ocasión fun testigo de sinistros nos que non estiven implicado por pura casualidade.

Un destes puntos está en Artes no cruce no que a carretera que vén do Vilar por Goda enlaza coa de Xarás a Corrubedo. Neste lugar os camións-cuba, procedentes da pranta de formigón, para saír en dirección Ribeira teñen que invadir totalmente o carril contrario supoñendo un serio perigo para os automóbiles que baixan en dirección Corrubedo. En días pasados ampliouse un pouco a calzada recuperando parte do terreo noutros tempos público pero este ensanche resulta a todas luces insuficiente dado que os camións teñen que seguir invadindo o carril contario.

Outro punto localízase en Frións no cruce no que enlaza a carretera que sube por Cubeliños coa que vai de Xarás a Aguiño. Neste punto os autobuses que suben por Cubeliños e queren toma-la estrada Aguiño-Xarás con dirección Xarás tamén teñen que invadir totalmente o carril contrario nun punto de moi escasa visibilidade, o que supón un alto risco para o propio autobús cargado de nenos e os automóbiles que atopan o seu carril totalmente ocupado polo autobús que circula en sentido contrario.

Dado que non vin en ningún programa electoral recollida a necesidade de poñer remedio a estes puntos negros, aproveito esta tribuna para reclama-la atención dos candidatos sobre estes dous problemas que precisan urxente solución.

 

Educación vial (18-05-2003)

 

No Malecón está instalado estes días un parque infantil de tráfico no que o alumnado dos colexios de Ribeira pon en práctica a teoría estudiada ó longo do curso. A actividade merece tódolos eloxios se o que se pretende é concienciar ós conductores do respecto ás normas e sinais. O malo do conto é que os conductores en potencia que aquí practican non o serán en acto ata dentro de oito ou dez anos polo menos co que a repercusión destas ensinanzas a curto prazo non representará ningunha mellora na inseguridade vial que padecemos.

Os destinatarios destas ensinanzas tiñamos que ser os adultos que a diario circulamos por rúas e estradas con un mínimo ou nulo nivel de concienciación do perigo que supón a circulación dun automóbil e do risco que a súa conducción conleva.

Sería unha boa idea facer pasar por esta actividade ós moitos conductores de ciclomotores que polas nosas rúas circulan saltando tódalas normas ou ós conductores de coches que a miúdo non respectamos nin normas nin axentes.

 

Os bolardos da Avenida da Coruña (04-05-2003)

Dositeo Fdez. Fuente  residente na Av. da Coruña

 

Poucos días despois da inauguración do Haley o Concello procedeu á colocación de bolardos na beirarrúa que vai deste Centro Comercial á rúa Cabasas. Daquela a medida foi aplaudida por moitos veciños -entre os que eu me encontro- porque parecía que por fin se nos escoitaba e iamos te-la beirarrúa libre dos automóbiles que continuamente a invadían impedindo o tránsito de peatóns. Pero como as elegrías na casa do pobre duran pouco, os automóbiles pronto seguiron invadindo a beirarrúa co total beneplácito da policía local e facendo máis inseguro o tránsito dos peatóns dado que agora tamén circulan -os automóbiles- por dentro dos bolardos.

Pouco a pouco moitos bolardos foron impunemente abatidos ben por accidentes fortuítos ou ben por accións intencionadas de conductores e conductoras que viron acotada a súa absoluta libertade de deixar o coche onde lles petaba.

Nalgúns casos a brigada de obras procedeu a repoñer as baixas pero no momento actual o abandono é absoluto. Dos 136 que no seu día se colocaron hoxe quedan en pé uns 85 mentres os automóbiles seguen a se-los donos da beirarrúa.

Se a esta falta de seguridade vial non se lle tenta poñer remedio por parte do goberno local coido que é porque o goberno dá por perdida a loita contra a anarquía circulatoria na que vivimos. E iso é preocupante para a cidadanía.

De pouco vale gastar tempo e cartos en instalar bolardos e sinalizacións que a maioría ignoramos.

De pouco vale pintar pasos de peatóns multicores que poucos respectan.

De pouco vale aumenta-la plantilla da policía local e instalar cámaras se as actitudes seguen a se-las mesmas, tanto por parte de quenes temos que acata-las normas como por parte de quenes as teñen que elaborar, dar a coñecer e facer respectar.

Vaia esta crítica para animar a quen podendo facer algo prefire non facer nada e a quen podendo ser máis respectuoso coas normas e coas autoridades opta por ignoralas e ata desprecialas.

 

Vía rápida e seguridade vial  (29-04-2003)

 

O outro día o Director Xeral de Tráfico dicía nunha conferencia en Pontevedra que a alta sinistralidade que se sofre nas vías rápidas débese en gran medida á confusión que o apelativo "rápida" infunde nos conductores inducíndoos a circular a máis velocidade da edecuada e permitida. Defendía tamén que a conducción máis segura é a que se realiza sen apuros nin présas.

Hai que recoñecer que leva razón nestas dúas reflexións pero  hai que recoñecer que tamén a levan os que defenden que a vía rápida que nos une con Padrón pouco satisface as necesidades dos usuarios habituais ou esporádicos que a empregan. Se a comparamos coa antiga estrada Padrón-Ribeira pois claro que si que hai que recoñecer que supuxo un avance importante, pero se a comparamos coas necesidades reais que a densidade e características do tráfico actual requiren, a verdade é que hai que recoñecer que xa se quedou escasa.

A súa transformación en autovía xa é unha reivindicación que, se non queremos mermar o potencial desenvolvemento industrial e turístico do noso concello nin o nivel de seguridade vial, temos que reclamar que se execute canto antes.

Ogallá as promesas que nestes tempos de propagada electoral se nos fan se convirtan en realidades e que a nosa autovía sexa unha delas.

Accesos ó Haley

Quero aproveitar este espacio para recoñecer que os conductores de Ribeira polo xeral non facemos caso dos sinais pero deixando claro que algunhas das sinalizacións realizadas nestes últimos tempos non teñen pés nin cabeza.

A entrada e saída do Haley tal e como está neste intre coido que carece de sentido pois trata de solucionar un problema que non ten xa solución: a proximidade entre a entrada e a saída dos aparcadoiros.

¿Por qué non se vai poder xirar á esquerda para entrar e saír como se viña facendo ata o momento?

Xa que só se pode acceder vindo da rotonda das Carolinas ¿por qué non se pon a Avenida da Coruña de dirección única e se reordena o tráfico dun xeito racional sen ter que pasar pola praza da Concordia?

Sinais invisibles

Xa vai para un mes que se puxo en marcha a nova ordenación do tráfico rodado no entorno do Haley pero as cousas están igual de mal que antes ou pode que peor.

A pesares de haber un sinal vertical que obriga a seguir de frente e outro que prohibe xirar á esquerda, para boa parte dos conductores estes sinais son invisibles.

A pesares de pintar no chan raias continuas e pegar bandas a xeito de barreiras, boa parte dos conductores ignóranas por completo.

A pesares do último sinal colocado que indica que hai un cambio de sentido a 300 m e das frechas pintadas no chan que sinalan o único sentido a seguir, nada cambia: os vehículos ignoran esta sinalización.

Tan só cando un axente da policía local se persoa no lugar os potenciais infractores optan por obedecer a sinalización e cambian de sentido en Adelino Paz.

O fracaso da sinalización neste caso é evidente. Sería bó que quen ten encomendada a ordenación do tráfico estudiara as causas deste fracaso.

Desde aquí atrevémonos a afirmar que unha das causas é a nula ou máis ben escasa educación vial dos conductores, outra a falta de interés ou capacidade de quen ordena, outra a impunidade coa que podemos ignora-las normas e axentes e outra a anulación de certas sancións a certos sancionados por parte de certas autoridades políticas o que deixa ós axentes nunha situación de debilidade e falta de autoridade fronte ós infractores.

Rotondas si, rotondas non

A construcción de rotondas para axiliza-lo tráfico rodado é unha opción que en moitos casos surte os efectos desexados pero noutros os contras pesan máis cós pros. No caso de Ribeira, a construcción dalgunhas rotondas supuxo unha notable melloría na fluidez da circulación mentres que a construcción doutras plantexa serias dúbidas en canto á efectividade e seguridade.

O caso positivo máis claro está na instalada na saída do polígono de Xarás na que conflúen catro vías de doble carril e circulación moi densa en determinados intres. De características similares é a instalada no remate da vía rápida. O único pero que se lles podería poñer é a proximidade entre ámbalas dúas, feito que en ocasións provoca atascos.

Da instalada no Malecón poñeriamos como único inconvinte a proximidade da estación de autobuses e as constantes manobras que nela se realizan.

Da instalada na confluencia do Paseo das Carolinas e Avenida da Coruña o único inconvinte a sinalar sería o seu pouco radio de xiro que dificulta as manobras a vehículos pesados.

Da instalada na confluencia de Nove de Agosto e Rosalía de Castro habería que considerar como pegas maiores o pouco radio de xiro, a escasa visibilidade ó abordala vindo desde As Abesadas e as dificultades para abordala vindo de Cubeliños. Esta é a máis polémica das realizadas ata o momento por ser moitos os inconvintes fronte a un solo pro: axilizar a saída de Abesadas.

A que se pretende instalar no cruce de Padín vai ter de entrada os mesmos problemas que a anteriormente reseñada por ter un radio de xiro moi pequeno e moi escasa visibilidade por mor das edificacións que a bordean. Para que esta rotonda axilizara o tráfico da zona habería que, como xa alguén indicou antes, tomar unhas medidas de rordenación do tráfico máis amplas para evitar que teñan que pasar por este punto tantos vehículos como na actualidade pasan.

O que de calquer xeito está claro é que para poder instalar unha rotonda hai que contar cun espacio que garantice unha boa visibilidade e un amplo radio de xiro. A construcción dunha rotonda que non cumpla estas dúas condicións ten que ser abortada para evitar perigos e riscos de maior importancia cós que se dan na actualidade.

Rotondas si se hai espacio dabondo. Rotondas non se o espacio non abonda.

Bolardos necesarios

A crítica en toda sociedade democrática é útil e necesaria para que os gobernantes non se endiosen e perdan o contacto coa realidade e as necesidades da cidadanía.

Dende estas páxinas critícase con toda contundencia que se coloquen bolardos ó tempo que se permite que os vehículos sigan invadindo as beirarrúas tal como sucede na Avenida da Coruña ou en Palmeira. Con instalar bolardos sen máis non se aumenta a seguridade vial dos peatóns se esta instalación non leva emparellado un control por parte dos axentes da policía local para impedir que estes bolardos sexan ignorados ou aniquilados por automobilistas despistados ou malintencionados.

Na Avenida da Coruña colocáronse bolardos pero as beirarrúas siguen invadidas de coches aínda que o aparcadoiro do Paseo das Carolinas estea baleiro ou haxa sitio no aparcadoiro do Halley.

Agora colócanse na rúa Rodríguez Bautista para evitar vehículos estacionados na beirarrúa. Dende a perspectiva do peatón a medida é totalmente acertada e non lle aforraremos eloxios. Pero cabe sospeitar que haberá quen se sinta perxudicado e trate de "tomar medidas" para instaurar de novo a anarquía anterior mentres, como xa sucedeu na Avenida da Coruña, os axentes da policía local parecen non existir.

Axentes para todo

Unha vez solucionados os problemas do tráfico, unha vez retirados os vehículos estacionados nas beirarrúas, nos pasos de cebra e en dobre fila, unha vez apercibidos e sancionados os infractores das normas de circulación e, non habendo máis problemas que solucionar dentro do ámbito das súas competencias, a policía local asume unha nova función na que dende aquí lle desexamos tantos éxitos como os colleitados noutras misións  anteriormente encomendadas.

Dende hai uns días un grupo de axentes adícase a pintar de cores fosforitas o pavimento do cruce de Padín. En principio todo parecía indicar que trataban de marcar unha rotonda polos redondeis a xeito de aneis concéntricos que no pavimento un día quedaron coloreados pero, como ó día seguinte repetiron os mesmos debuxos desprazando lixeiramente os novos sobre os anteriores, o da rotonda xa non estaba tan claro. Non satisfeitos cos debuxos realizados e impulsados por un imparable afán  de perfeccionismo, días despois trazaron outros debuxos a escala reducida dos anteriores pero cambiando a pintura verde  por outra dunha cor máis acorde cos sanguinarios tempos que vivimos.

Aínda que testigos presenciais dos feitos afirman que os debuxos son pura improvisación a base de pintura en esprai e cinta métrica, dende aquí sostemos que as cousas non poden ser así. Coñecendo como coñecemos a plantilla de técnicos municipais e a súa enteira dedicación en corpo e alma ós problemas de Ribeira, atrevémonos a afirmar que hai un estudio previo, un anteproxecto, un proxecto e uns planos de detalle a escala 1:25. De improvisación nada de nada.

Outras barreiras arquitectónicas 

Cando falamos de barreiras arquitectónicas semella que só facemos referencia ós atrancos que teñen para desenvolverse as persoas que se desprazan nunha cadeira de rodas. Semella que só temos que falar de bordillos de aceras e escaleiras pero hai outros elementos nas rúas que supoñen un perigo para calquera persoa independentemente de que padeza minusvalía ou non. Un exemplo claro está nos toldos que se instalan en moitos establecementos para protexe-los escaparates do sol.

A normativa impide que sobrepasen a vertical do bordillo da ecera       –lóxico se pensamos no tráfico rodado e na propia integridade do toldo- pero a obriga de que non se coloque a menos de dous metros de altura non tódolos toldos a cumpren. E dígoo por experiencia propia porque, sin chegar a medir un noventa pero sendo un pouco curto de vista, esnafreime contra un destes toldos ubicados nunha rúa de Riveira. E digo eu: ¿Se chegara a sufrir lesións de importancia quen tería que asumi-la responsabilidade? ¿O dono do establecemento que mira pola súa comenencia ou o Concello que mira para outro lado? ¿Ou eu por non abrir ben os ollos?

A guerra das estradas

Alarmante: 31 persoas mortas e 28 feridas en accidentes de circulación nesta fin de semana. Esta é unha guerra silenciosa desas que van matando día a día pero que xa non é noticia de primeira plana nin ocupa grandes titulares en ningún xornal.

Alarmante a impasividade coa que asumimos estas cifras.

Alarmante a impunidade coa que transgredimos as normas.

Alarmante que as alarmas non alarmen.

Solucións alternativas

En días pasados púxose en práctica a nova ordenación do tráfico rodado no entorno do Halley coa que se trataba de desconxestionar dalgunha maneira a zona. Pasados uns días pódese afirmar que as cousas están exactamente igual que antes. Se non está no lugar un axente da policía local os conductores non respectan para nada os sinais verticais e horizontais instalados.

Para que esta nova ordenación cumprira os obxectivos pretendidos tería que englobarse dentro doutras medidas de reordenación máis profundas pero sempre condicionadas polo anárquico desenrolo urbanístico da cidade que en ningún momento protexeu as vías naturais de entrada e saída do núcleo urbano.

O primeiro paso sería dirixi-lo tráfico que vén do centro urbano e da Avenida do Ferrol polo Paseo das Carolinas. Pero para poder dar este primeiro paso hai que levar a cabo obras que posibiliten acceder do cruce de Padín á Avenida das Corilinas sen ter que pasar pola praza da Concordia.

As actuacións expostas en "Tódolos camiños levan á Praza da Concordia" serían unhas das poucas posibles e resultarían eficaces se o tráfico que circula polo Paseo das Carolinas en dirección centro e o que circula en sentido contrario se canaliza por un paso subterráneo de dúas vías por debaixo dun paso elevado que acollería o tráfico que do centro vai dirección Noia e o que dende a Avenida do Ferrol se dirixe ó Paseo das Carolinas. Estas actuacións posibilitarían convertir a Avenida da Coruña en vía de dirección única podendo habilitar un carril para aparcadoiros.

Por certo: ¿É legal que nas chabolas ás que se fai referencia noutras colaboracións se instalaran negocios de venda ó público?

¿Parque Bayón ou chabolas?

Bó é que haxa quen se preocupe por aportar ideas para desempeora-lo tráfico nesta atascada cidade o cal nas circunstancias actuais non deixa de ser unha utopía. Está ben aportar ideas innovadoras pero o que non se pode facer e incitar á aniquilación do patrimonio arquitectónico que nos identifica no mundo enteiro. ¿A quen se lle ocorre derruba-las chabolas multicolores que están fronte ó Parque  Bayón? ¡Ata aí poderiamos chegar! Co doado que resulta convertir este Parque -unha zona verde máis entre as moitísimas que temos en Ribeira e que xa empezan a sobrar- nun vial para vehículos e solicitar da UNESCO a declaración das chabolas como patrimonio da humanidade.                

Tódolos camiños levan á Praza da Concordia

Para saír de Ribeira en dirección Palmeira ou dirección Noia non hai máis remedio que pasar pola Praza da Concordia. Tanto vindo do Malecón como de Rodríguez Bautista como de General Franco necesariamente hai que pasar pola rotonda desta Praza e logo proseguir pola Avenida García Bayón na que só hai un vial en cada sentido o que fai que, un nada que aumente a densidade do tráfico, se formen grandes atascos. A maioría dos automóbiles que van en dirección Palmeira toman o Paseo das Carolinas pero o resto teñen que pasar polo cruce de Padín, punto no que hai que distrubuí-lo tráfico que chega por García Bayón, pola Avenida da Coruña e Avenida do Ferrol e o que sae por estas dúas avenidas e por General Franco e rúa Lepanto.

Esta situación non parece ter un arreglo doado pero algunhas actuacións poderían alivia-los atascos e mellora-la seguridade vial nestes puntos. Desde aquí propoñémo-las seguintes:

  1. Instalar una rotonda no cruce de Padín recortando o parque anexo ó Halley para gañar a amplitude precisa para os xiros de vehículos longos.

  2. Habilitar un carril desde esta rotonda por García Bayón para o tráfico pesado que se dirixe ó porto desde a Av. do Ferrol.

  3. Instalar unha rotonda na confluencia do Paseo das Carolinas e Av. García Bayón conseguindo o espacio necesario á costa do derrube das chabolas ubicadas neste lugar o que tamén permitiría habilitar un novo carril nesta Avenida.

Impunidade

O pasado luns 17 de febreiro presentouse no Concello un escrito dirixido ó Xefe da Policía Local no que se lle solicitaba que tomara as medidas oportunas para solucionar dous dos moitos problemas que afectan á Avenida da Coruña relacionados coa seguridade vial. Un dos problemas plantexados refírese ó proceder de certo constructor pola ocupación da beirarrúa con vallas, material de obra ou camións que impiden un tránsito seguro para viandantes. O outro problema plantexado refírese ás pranchas metálicas pousadas sobre a beirarrúa fronte á panadería Charlín por supoñeren unha trampa para quenes transitamos por ese lugar.

Ó día de hoxe, venres 21 de febreiro, as pranchas metálicas foron retiradas, feito polo que desde aquí felicitamos a quen tomou as medidas que se solicitaban.

Pero o de este constructor xa é outro cantar. A impunidade coa que esta empresa incumpre as mínimas medidas de seguridade é alarmante e contra isto non caben nin escritos, nin queixas nin denuncias. Todo se volve inútil. Diante deste tipo de feitos cabe pensar que hai deixadez de responsabilidades ou que se comercia coa impunidade. Quen a compra á vista está. ¿Quen a vende?

Parabéns e tiróns de orellas

No eido das responsabilidades do Concello en relación coa seguridade vial non todo ía ser tan negativo como moitas veces se pode constatar. De cando en vez lévanse a cabo actuacións que merman en certa medida o nivel de inseguridade e como exemplos pódense citar os pasos de cebra pintados na entrada e saída do aparcadoiro do Halley ou a sinalización horizontal realizada na saída da rúa de Cabazas á Avenida da Coruña para aumenta-la visibilidade. Noraboa a quen correspondan estas iniciativas.

Outras actuacións merecen unha severa reprobación por supoñeren máis inseguridade e máis atrancos á circulación dos que xa había. Como exemplo poñamos a micro-rotonda construída na intersección de Rosalía de Castro e Nove de Agosto. Un tirón de orellas para os pensadores e os executores de tal desfeita.

Actitudes perigosas

¿Como se pode permitir que algúns constructores invadan beirarrúas privando ás persoas dos espacios reservados exclusivamente para camiñar?

¿Como se pode permitir que non adopten as mínimas medidas de seguridade para evitar danos a quenes pasamos por debaixo das súas obras?

¿Por que desde o Concello e desde a Policía Local non se actúa contra estas actitudes irrespetuosas e potencialmente causantes de danos e lesións para a cidadanía?

Se a forma de proceder destes constructores é inadmisible, non o é menos a actitude transixente e despreocupada das autoridades que teñen a competencia de velar pola nosa seguridade.

Saída arriscada

Saír co coche da rúa Cabazas para incorporarse á Avenida da Coruña supón un risco elevado por mor da nula visibilidade provocada polos automóbiles que están estacionados na saída do vial de servicio recentemente construído. Antes de construí-lo vial a visibilidade era escasa por mor dos contenedores do lixo pero agora é nula e non parece importar a ningunha autoridade das que controla ou dirixe o tráfico nesta cidade. Supoñemos que, como de costumbre, os afectados e afectadas veremos que se toman medidas cando suceda algún incidente grave e alguén sufra as consecuencias da desidia e abandono de quenes teñen responsabilidades.

Morte nas estradas

As cifras do ano 2002 veñen a ser as mesmas de anos anteriores anque as autoridades manifestan unha certa alegría pola disminución de víctimas e accidentes.

Nas estradas españolas houbo 3511 accidentes mortais con un total de 4129 falecidos. No índice de sinistralidade dos paises da CEE só nos superan Grecia e Portugal. Se ó número de víctimas mortais sumamos os miles de persoas que sufriron lesións irreversibles, as cifras resultantes son aterradoras.

Se as traxedias padecidas por víctimas e familiares son brutais, non é menos brutal a indiferencia coa que a sociedade asume as estatísticas. Anque todos circulamos polas estradas e somos candidatos a víctimas, non asumimos esta condición como propia.

¿Seguridade vial?

Unha das principais consecuencias do caos urbanístico  é a ausencia de seguridade vial. A paisaxe cotiá amósanos monumentais atascos de automóbiles por carencia de vías axeitadas e de zonas de estacionamento, beirarrúas invadidas por vehículos que obrigan ós viandantes a baixar á calzada, barreiras arquitectónicas que dificultan os movementos de sillas de bebés, de cadeiras de rodas ou de persoas con limitacións motrices, obras en construcción sen ningún tipo de protección e que ocupan a totalidade do ancho da beirarrúa. E todo isto co beneplácito da policía local que parece non existir.

Outra vez o conto das cámaras

Unha vez máis o Sr. concelleiro de tráfico informa que se van adquirir e instalar cámaras de video para controla-lo tráfico en diferentes puntos do casco urbano supoñemos que pensando, o iluso, que coa instalación destas cámaras se van a arranxa-los problemas. Sr. concelleiro: O caos circulatorio non hai cámara que o arranxe. ¿Por que non empeza por poñer a traballar ós efectivos da policia local para que se respecten as señalizacións xa colocadas e que parecen estar de adorno (policías e sinais)?

Seguros de automóbiles

Entre as novas destes días chama a atención a seguinte: "O 10 % dos vehículos que circulan polas estradas galegas carecen de seguro". Isto supón que un de cada dez coches cos que compartimos estradas tódolos días non teñen seguro para facer fronte ós sinistros que puideran causar. O triste do asunto é que na era da informática na que saber que automóbiles non teñen seguro depende de pulsar unha tecla, a Dirección Xeral de Tráfico en lugar de pulsar esa tecla e ir directamente ó garaxe no que está aparcado o vehículo sen seguro, mira para outro lado e reparte os seus axentes por sitios estratéxicos co único fin de recaudar cartos para o estado que "nos protexe".

Máis ben parece que este estado só ten un argumento financieiro neste tema: Cantos máis automóbiles circulen máis carburante se gasta e canto máis carburante se gasta máis cartos se ingresan. O do seguro é un tema secundario que non merece a pena tratar. Non vaia ser que precintando aló onde se atopen os vehículos sen seguro se propicie unha crise económica.

Mentres a DXT mira para outro lado, quenes si pagamos o seguro temos que soportar cada ano subidas brutais para sanea-las contas das aseguradoras que tampouco parecen preocuparse o suficiente polo tema.

¿Tan difícil é pulsa-la tecla e actuar?

4Xogar á ruleta rusa

4Atascos y más atascos

4Máis prazas para aparcar no Malecón

4As imaxes do punto negro de Artes

4Dous puntos negros

4Educación vial

4Os bolardos da Avenida da Coruña

4Vía rápida e seguridade vial

4Accesos ó Haley

4Sinais invisibles

4Rotondas si, rotondas non

4Bolardos necesarios

4Axentes para todo

4Outras barreiras arquitectónicas

4A guerra das estradas

4Solucións alternativas

4¿Parque Bayón ou chabolas?

4Tódolos camiños levan á Praza da Concordia

4Impunidade

4Parabéns e tiróns de orellas

4Actitudes perigosas

4Saída arriscada

4Morte nas estradas

4¿Seguridade vial?

4Outra vez o conto das cámaras

4Seguros de automóbiles

 

4Dirección Xeral de Tráfico