Decembro de 2002: Días negros para empezar

Presentamos este espacio virtual en malos tempos para quenes habitamos estas terras barbanzanas asolagadas por unha implacable marea de chapapote contra a que loitan en solitario  mariñeiros e voluntarios mentres os políticos miran para os votos que poden perder ou gañar nas vindeiras eleccións municipais. Os políticos cos seus ocultos intereses e a súa manifesta incompetencia son outra marea que tamén nos ameaza e contra a que ninguén se atreve a loitar. Mentres estas dúas mareas avanzan a nosa vida estase a converter en pura e dura supervivencia.

Nesta situación faise urxente que a cidadanía se mobilice para esixir a quenes nos gobernan que o fagan atendendo ós nosos intereses e non ós do seu partido.

Bravo polos mariñeiros que loitan para defender o seu modo de vida a pesares da Xunta que desgoberna aquí e a pesares do goberno central que desgoberna aquí e máis aló.

Desde aquí un apoio incondicional a estes mariñeiros e a tódalas xentes que viven do mar e ó voluntariado que nestas negras datas está a traballar a pesares de trabas e carencias.

Desde aquí un apoio condicional á oposición municipal de Ribeira sempre e cando colla o pulso da vida municipal e conecte coa realidade na que vivimos para que ó goberno desta cidade cheguen as inquedanzas de toda a cidadanía.

Desde aquí un apoio condicional a José Luis Torres Colomer sempre e cando se mova na foto do PP galego e arrastre con el ós verdadeiramente demócratas do seu partido. Seguro que son poucos os que comulgan coas teses oficiais aínda que sexan moitos os beneficiados.

O noso barrio, a nosa parroquia, o noso concello son manifestamente mellorables e as melloras dependen de nós. Para quen comparta esta inquedanza aquí está aberto este espacio no que, ademais de temas de interese xeral, trataranse problemas da vida cotiá englobados en tres apartados que consideramos como pilares do progreso de Ribeira: ecoloxía, urbanismo e seguridade vial

 

Maio de 2003: Cinco meses despois

Cinco meses despois daquelas negras datas nas que o chapapote tinguía de negro as nosas costas e as nosas esperanzas e logo da vergoñenta invasión de Iraq, seguimos adiante no intento de poñer uns grans de area máis na construcción dunha Ribeira mellor.

Se ben as expectativas que para este espacio naquelas datas aventurabamos se viron amplamente superadas, agardamos que caramecheiro.net se consolide como un punto de referencia necesario na valoración do pasado e do presente desta Ribeira da nosa alma e na construcción do seu futuro.

Gracias a todas aquelas persoas que adicaron parte do seu tempo a ir enchendo de contidos as diferentes seccións respectando sempre os dereitos de aludidos e gracias tamén a todas aquelas que nos brindan a súa atención.

Pouco a pouco trataremos de ir introducindo os cambios que amablemente se nos suxiren dado que caramecheiro.net é un proxecto aberto a todo tipo de aportacións na busca da diversidade de ideas e na defensa da pluralidade de pensamento e da libertade de expresión.