¿Por que non votei ó PSOE?

José Manuel Pardeiro

En resposta ó comentario anónimo titulado ¿por que votei ó PSOE? (hai que ver canto medo temos a identificarnos facéndonos responsables das nosas opinións) permítome indicar que, aínda que estou de acordo co anónimo autor na existencia de moitos dos males que indica, estes non son patrimonio exclusivo do PP.

Basta recordar a Felipe González e compañía para darse conta de que estes males están bastante xeneralizados.

E moi fácil ver a palla no ollo dos demais e a miúdo non vemos a viga no propio.

Precisamente agora dá a impresión de que Felipe volve a gobernar, un Felipe que para saber quen é realmente podería empezarse por preguntarlle a algún mariñeiro de Escarabote.

Hai moito que limpar no PSOE para que poida facerse esa rexeneración democrática tan demandada pola sociedade.

Basta indicar que un dos "mellores" do PSOE é Paquiño Vázquez, alcalde da Coruña, a quen onte mesmo o sr. Bugallo, alcalde de Santiago, tachaba de insolidario e de mirar solamente polo seu embigo.

Respecto a este home, Sir Francisco Vázquez Vázquez, alcalde de La Coruña, podo decir que en decembro de 1999 presentouse escrito dirixido á Fiscalía Anticorrupción solicitando a reapertura das dilixencias penais seguidas contra el co número 1090/91 ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.

Xuntáronse a ese escrito varios documentos notariais relativos a sociedades interpostas co  fin de enmascarar e difumina-la súa actuación.

A fiscalía especial para a represión dos delitos económicos relacionados coa corrupción doulle as procedentes dilixencias informativas co numero 10/2000 e en novembro de 2000 procede a arquiva-lo caso sin motivación algunha.

Mais D. Francisco Vázquez non ten por que preocuparse. É senador e polo tanto aforado e pode beneficiarse dun especial réxime de protección.

Por certo, creo que nos últimos catro anos, nos que tamén foi senador, tivo unha única intervención no Senado.

I é que Paco interésase moito pola defensa dos intereses dos seus votantes.

Por eso, entre outras moitas cousas, resúltame difícil votar polo PSOE.

Se cadra, os do PP, polos que tampouco votei, enganan menos.

 

¿Por que votei ó PSOE?

No 2000 votei ó PP mirando á carteira pero hoxe votei ó PSOE mirando á miña conciencia de ciudadano demócrata. A desfeita de Aznar na democracia deste país chegou a extremos que os ciudadanos e ciudadanas non podemos permitir. A mentira e a manipulación informativa, a soberbia e a arrogancia, o desprecio e a negación ó diálogo, a prepotencia, o despotismo, o nepotismo, a falla de sensibilidade e moitos outros elementos do estilo Aznar non poden ser consentidos por un pobo sensible nos sentimentos e solidario na acción. Votei ó PSOE porque representa a única opción que pode facer fronte ó PP co que estamos involucionando a etapas predemocráticas do "yo ordeno y mando y usted cállese y obedezca". Outros partidos merecerían tanto ou máis o meu voto pero, para castigar a Aznar non vexo outra alternativa.

 

Nacionalismo territorial e nacionalismo cultural

No estado español estamos a vivir unha etapa revolta no tocante á interpretación do feito nacionalista que está levando ós partidos políticos a posicións cada vez máis radicalizadas no discurso e diverxentes dos intereses do estado na práctica. Cabe sospeitar que o tema dos nacionalismos será o eixe da campaña que está en marcha sobre todo pola rendibilidade electoral demostrada en anteriores comicios.

O malo é que o feito nacionalista só se toca na dimensión territorial    -máis propia de séculos pasados nos que o separatismo e a autarquía   movían a historia- pero non na súa dimensión cultural que é a que realmente contribúe á diversidade enriquecedora da que teriamos que estar orgullosos.

Os partidos, afanados en conseguir o poder e gobernar, esquecen a orixe do feito nacionalista e converten a lingua e a cultura dun pobo nun obxecto co que se mercadea sen pudor. 

¿Marcará o Partido Galeguista en reconstrucción algunha diferencia coa realidade actual e abrirá unha fiestra para que entre aire fresco a esta cultura galega tan asfixiada pola política ó tempo que desatendida  e manipulada?

 

Situación periférica e outros condicionantes do desenvolvemento

A localización de Ribeira no extremo oeste de Galicia outórgalle a condición de terra periférica e esta circunstancia xeográfica réstalle moito potencial no seu desenvolvemento económico.

Se a este condicionante xeográfico lle sumamos a inexistencia de medios e vías de comunicación de alta capacidade que minimicen os gastos en transporte, se non ofertamos solo industrial nin infraestructuras que atraian novas empresas, se seguimos a deteriora-lo medio natural ó ritmo actual porque non hai máis remedio que permitir como mal menor os verquidos incontrolados das empresas aquí ubicadas, se o plan xeral de ordenación non contempla un crecemento harmónico dos cascos urbanos nin a reserva de vías axeitadas ás necesidades da circulación actual e futura, o fracaso está servido.

Nesta situación a inversión que se vai facer no porto comercial prometido será totalmente improductiva. ¿Qué empresas temos hoxe en día aquí que precisen dun porto comercial desas características? ¿Temos solo industrial para que se instalen outras que o rentabilicen?  ¿Podemos competir con portos como Vigo, Marín, Vilagarcía, A Coruña ou Ferrol tendo en conta a nosa situación periférica e alonxada das principais vías de comunicación e dos principais centros económicos e empresariais?

¿Non sería máis urxente e necesario invertir na reordenación do territorio municipal para que o crecemento urbano sexa racional, na creación de solo industrial para ofertalo en condicións ventaxosas ás potenciais industrias e no deseño e execución de vías de comunicación que alivien o caos circulatorio actual e rompan as barreiras que nos separan dos núcleos comerciais e industriais galegos?

Os políticos disfrutan realizando obras faraónicas de dudosa utilidade e  olvídan as necesidades máis urxentes e elementais.

 

Unha cousa é lexislar e outra facer cumpli-la lei

Os gobernos elaboran leis que logo son aprobadas nos parlamentos máis ou menos enmendadas para organiza-la convivencia no estado ou na comunidade autónoma e os concellos emiten edictos, decretos, bandos, ordenanzas e outras normativas para organiza-la vida municipal. Ó día de hoxe a maraña lexislativa que nos afecta en calquera ámbito da nosa vida é tal que o descoñecemento que dela temos é xustificable e só tomamos conciencia da súa complexidade cando nos achegamos a unha ventanilla da administración para tramitar un expediente ou clarexar unha dúbida. Á sombra desta complexidade viven avogados, notarios, procuradores, xuíces e unha larga lista de profesionais que nos axudan a movernos neste laberinto.

Nunha sociedade democrática os poderes lexislativo, executivo e xudicial teñen que traballar coordinados para que as leis emanadas do poder lexislativo sexan executadas polo executivo e acatadas e respectadas polos cidadáns baixo a atenta mirada do poder xudicial.

A sensación que o cidadán de a pé ten desta situación é de que en moitos casos se lexisla por lexislar sen unha intención clara de executa-lo lexislado ou percibindo a priori a imposibilidade de facer cumpri-la lei.

Como exemplos da descoordinación entre lei e cumprimento da lei podemos referirnos a tres asuntos que de seguro nos afectan directa ou indirectamente: a pesares de estar perfectamente lexislada a súa prohibición seguimos falando polo móbil mentres conducimos, a pesares de haber unha lei de prevención de riscos laborais seguen a morrer tódolos días obreiros por no respecta-las medidas de seguridade, a pesares de estar lexislado un horario de peche dos establecementos de copas e un control na emisión de ruídos os seus donos siguen tendo carta branca para face-lo que lles peta mentres a maior parte dos cidadáns que traballan non poden descansar o mínimo necesario.

Outros moitos e variados exemplos poderiamos poñer para argumenta-lo profundo desencontro entre o que se lexisla e o que se executa.

Do anteriormente exposto trátase de deixar á vista que ningún dos tres poderes que sustentan a nosa democracia cumpre efectivamente as súas atribucións xa que lexislar por lexislar non ten efectividade máis aló da autopropaganda do lexislador, non executar nin facer que se execute o lexislado deixa en enterdito a credibilidade dos diferentes  gobernos e dos seus aparatos administrativos e deixa á administración de xustiza nunha situación marxinal e puramente instrumental.

No momento actual as maiorías absolutas que se dan no goberno central, no autonómico e no municipal levan a que o ordenamento xurídico se adapte ós intereses do partido que ostenta esas maiorías e se aparte dos intereses da maioría social que representa a cidadanía.

¿Será porque os partidos políticos deixaron de se-lo cauce de representación da cidadanía no funcionamento do estado, da comunidade autónoma ou do concello? ¿Será porque os cidadáns por comodidade delegamos nos partidos máis representatividade da que deberiamos e nos inhibimos en temas que nos competen?

 

El futuro de la IPR

La visión optimista de los resultados obtenidos en las pasadas elecciones municipales por la Iniciativa Progresista parece que impulsa a sus dirigentes a constituirse en partido político.

A primera vista, la consolidación de un nuevo partido en el ámbito municipal es un hecho positivo pues pluraliza las opciones de representatividad pero, recapacitando sobre las circunstancias en las que surge esta nueva fuerza política, se aprecia el lado negativo del hecho dado que es la certificación de que la reconciliación de la escindida familia socialista riveirense es poco menos que imposible.

El tiempo, el trabajo responsable desde la oposición y la apreciación que la ciudadanía adopte sobre ese trabajo serán las claves para saber si en el proyecto hay un futuro posible más allá de la aceptable acogida inicial.

 

Resultados para reflexionar

O 25 de maio as urnas falaron con total claridade dando a victoria a Xosé Luis Torres por maioría absoluta aínda que perdera un concelleiro con relación á anterior lexislatura.

Esta contundente victoria ten que facer reflexionar profundamente ós candidatos da oposición para busca-las razóns polas que Torres sigue sendo alcalde a pesares da corriente en contra na que parecía moverse a cidadanía.

Para que o PP de Ribeira manteña os mesmos apoios que en anteriores comicios despois do Prestige, de Iraq e da mala xestión municipal, pouca ilusión debe infundir a oposición na cidadanía para que non cambie o sentido do seu voto.

Certo é que a figura de Torres polo momento eclipsa calquera outra no panorama político local, certo é tamén que a escisión do PSOE xugou a favor do PP, certo é tamén que a desaparición de Plácido Betanzos como cabeza de lista puido xogar en contra do BNG, pero non é menos certo que a blanda e desanimana oposición exercida na derradeira lexislatura xugou tamén en contra de opositores e opositoras.

A alternativa a Torres non se levanta con promesas de campaña electoral nin por descalificación do contrario: constrúese día a día levando ó Concello os problemas inmediatos que afectan ó cidadán de a pé e loitando contra vento e marea para que eses problemas sexan atendidos, analizados e solucionados.

 

Las cosas claras: ganó Torres

A la vista está y, por muchas interpretaciones que queramos darle, hay que admitir la realidad: Torres conserva la mayoría absoluta a pesar de Prestiges e Iraqs, El BNG queda como estaba o peor, el PSOE se hunde y aparece la IPR en escena.

Se pudo escuchar ayer en la radio que la IPR era la verdadera vencedora en estas elecciones. Mérito tienen muchísimo pero la realidad no es así: venció Torres y gobernará Torres. Todo lo demás es oposición.

Así lo decidieron las urnas. Así será irremediablemente durante los próximos cuatro años.

 

Os resultados do 25m en Ribeira a primeira vista

Victoria aplastante do PP, o BNG mantense, o PSOE debilítase aínda máis e irrumpe a IPR no panorama municipal.

Que o PP conserve a maioría absoluta pecha as portas a calquera especulación sobre pactos postelectorais pero non podemos evitar facer a pregunta seguinte: ¿Qué resultados obtería o PSOE de non haber escisión e concorrer a familia socialista baixo as mesmas siglas?

Se sumamos os resultados obtidos por PSOE e IPR vemos que superan en votos ó BNG e acadarían 5 edís fronte ós 4 acadados por separado e o PP quedaría con 12.

Que o PP acade unha vez máis e en circunstancias adversas maioría absoluta ten que facer recapacitar a toda a oposición sobre as estratexias seguidas na precampaña e na campaña. Pode que o PP o estea facendo mal pero a cidadanía non observou na oposición unha alternativa real para cambiar a orientación maioritaria do voto.

Por diante quedan catro anos para que uns gobernen e outros fagan unha verdadeira oposición conectada cos problemas reais do cidadán co fin de gañar a súa confianza. A alternancia en democracia é necesaria pero para que se realice é necesario que haxa alternativas fiables e consistentes que, á vista dos resultados actuais, de momento non parece haber.

 

E Ventoso retomou a palabra

Despois de anos de silencio escoitouse de novo en Ribeira a voz de Ventoso para apoiar a candidatura da Iniciativa Progresista que encabeza Rosa, a súa dona. Sen dúbida foi a exposición de maior nivel que puiden escoitar nesta campaña polas formas e polos contidos. Despois das batallas perdidas esperaba atopar un home apoucado e desanimado, con poucas ganas de saltar de novo á area política pero, para delirio de incondicionais seguidores e deleite de simpatizantes, o Ventoso que subiu á tribuna era un orador que en tono afable e humorístico afundía na miseria os argumentos da política do PP e asestaba unha dura reprimenda á cúpula do seu anterior partido.

Sen dúbida que Ribeira recupera neste acto un político que por cualidades, sensibilidade e adicación xa se estaba a botar en falta.

 

Leo e non dou crédito

Tódolos días visito a páxina de Xornal.com e leo boa parte dos artigos que publica. Hoxe aparece un artigo titulado "Las cofradías agradecen al Gobierno su agilidad de actuación tras el accidente" que me deixa abraiado. Non dou crédito ó que leo seis meses despois do desastre do Prestige. ¡Qué razón ten quen escribiu o artigo "Cousas do momento e da memoria efémera"! Non teremos memoria pero de imbecilidade algúns estamos sobrados.

 

Non abonda con ser honrado: hai que parecelo

A demisión de Digar á fronte do Centro Recreativo e da Comunidade de Montes de Artes abre unha serie de interrogantes que sería necesario clarexar canto antes polo ben do propio Digar e polo ben de toda a parroquia.

Os acusadores deben da-la cara e, se teñen probas que avalen as súas acusacións, facelas públicas e promove-las actuacións encamiñadas a poñe-las cousas no seu lugar.

Digar, home sacrificado pola parroquia e honrado mentres non se demostre o contrario, en lugar de abandoa-lo barco debería seguir no timón e, tanto que a razón estea ou non da súa parte, clarexar todas e cada unha das supostas irregularidades que á súa xestión lle atribúen. Mataría así dous paxaros dun tiro: poría a bo recaudo a súa honestidade -compatible con algún erro- e taparía a boca dos acusadores agochados.

 

¿Para qué tantos carteis?

Estamos en plena campaña electoral e, coma en tódalas campañas, os partidos afánanse en encher de carteis a máxima superficie posible como se o número de votos a recibir tivera algo que ver co número de carteis pegados. Hai carteis en tódalas fachadas ruinosas, en tódolos postes, en tódalas marquesiñas, nos contenedores do lixo, nas vallas de obra, nas árbores ... Podemos atopar carteis nos lugares máis insospeitados.

Á vista deste derroche de papel e tinta por parte dos candidatos é obrigada esta pregunta: ¿Qué influencia pode ter un cartel na decisión do voto do elector?

No meu caso ningunha. Coido que os electores buscamos outro tipo de argumentos á hora de decidi-lo voto pasando amplamente dos carteis.

Cando se fan así as cousas será porque hai estudios que avalan este xeito de facer propaganda. Pero de seguro que tamén hai outros que ven máis rendibles outras alternativas para darse a coñecer ó potencial votante e influír no sentido do seu voto.

 

Máis debates, por favor

A iniciativa de Radio Discolócate de celebrar un debate entre as catro candidaturas que se presentan neste concello merece tódolos parabéns aínda que o modo de moderar se pode mellorar bastante. Os modos e actitudes dos representantes dos tres partidos presentes resultaron tal e como nunha democracia cabía esperar. Que Torres non quixera participar pois pódese tomar como o temor dun político encumbrado e acostumbrado a impoñer durante moitos anos o seu criterio gracias á maioría que o sustenta e que non quere baixar a estas alturas á area. Aló el. O que non ten explicación é que Domínguez non quixera participar porque non estaba Torres. Mal comenzo para un recén chegado á política municipal que pensa que a cousa é chegar e encher. Mentres Torres ten unha traxectoria política favorecida polo apoio maioritario e reiterado duns votantes, Domínguez aínda non é ninguén e este plante seguro que non lle vai reportar ningún beneficio na súa aventura política. Oló el tamén.

Quenes presenciamos o debate tivemos a oportunidade de ver como os tres candidatos explicaban e defendían os seus posicionamentos sobre temas que nos preocupan e como respostaban ás preguntas máis ou menos oportunas que o público formulaba.

Actos coma este son os que fan que na cidadanía desperte o interese pola política e polos políticos que, nesta ocasión, mereceron ser escoitados e aplaudidos.

Os mitíns están ben pero non abondan para coñecer o verdadeiro programa dos partidos. Máis debates, por favor.

 

A campaña en marcha

O día 9 empezou oficialmente a campaña electoral aínda que de facto empezara moito antes. Para daquela tódolos partidos tiñan xa feito o acto de presentación dos seus candidatos e esbozado o proxecto que para Ribeira nos ofrecen. Os ciudadanos sentímonos importantes ó ver como persoas que durante catro anos nos ignoraban a nós e ós nosos problemas cotiáns, de súpeto vólvense comunicativas e afables e propóñennos vivir con elas un romance electoral que rematará sen remedio o 25 de maio.

Co tempo os ciudadáns fomos caendo na conta de que a adicación á política deixou de ser unha entrega altruísta e de renuncia ós propios intereses en favor da colectividade. Hoxe para algunhas persoas é a única fonte de ingresos coa que contan e, se están desempeñando accións de goberno, teñen na man o destino económico e laboral de moitos cidadáns e moitas empresas que, atrapados nunha rede clientelar, teñen que amosar unha actitude sumisa e colaboracionista co político omnipotente que lles tende a man.

Non nos enganemos: aínda que pensemos que votamos en libertade, moitos somos os que padecemos unha serie  de circunstancias persoais e familiares que os que gobernan propician e logo utilizan a modo de ameaza encuberta para que os manteñamos no poder cos nosos votos. E nós, inxenuos e escravizados, poñémo-las costas para seguir levando paos e o voto para seguir amarrados.

Contra isto berra a oposición porque está fóra do sistema clientelar. Sería bo para esta nosa democracia  tan pouco representativa do pobo que as cousas cambiaran non só no formal senón tamén no fondo e que, ademais de sentirnos todos representados, nos sintamos tamén escoitados e tidos en conta á hora de tomar decisións que nos afectan.

 

Algo más sobre la memoria efímera

Bueno es que la memoria sea efímera en ciertos momentos pues, de lo contario, nuestras facultades mentales se verían seriamente afectadas si en la memoria perduraran todas las experiencias negativas que a lo largo de nuestra vida soportamos.

El sentimiento de rechazo absoluto al desastre del Prestige y a la gestión realizada por las autoridades nos sometió a buena parte de los ciudadanos e una excitación emocional que nos llevó a realizar acciones insospechadas en tiempos de normalidad.

Bueno fue para nuestra cordura individual que esa excitación compartida no se prolongara indefinidamente pues entonces también la cordura colectiva -si acaso existiera- estaría comprometida.

Pero esto no quiere decir que la excitación padecida pase sin dejar huella en el intelecto de los humanos gracias a lo efímero de la memoria. Más bien sucede lo contrario: Tendríamos que hablar de una síntesis constructiva en la que la excitación por el Prestige actúa a modo de antítesis necesaria para llegar a un estadio más elevado en el conocimiento del mundo que nos rodea y en el esclarecimiento de sus enigmas al tiempo que nos ayuda a interpretar objetivamente la fenomenología política y social del momento.

Dicho en otras palabras: Olvidamos pero no perdonamos.

Espera, gobernante incompetente, y verás.

 

O talón de Aquiles do PP

A estas alturas de precampaña habería que buscar explicación ó feito de que a oposición a Torres non se fixe no plan urbanístico recentemente aprobado como o talón de Aquiles por onde atacar con éxito ó PP local.

Vendo a chapuza cometida á hora de delimita-los núcleos rurais, únicas áreas nas que realmente se vai poder edificar fóra dos cascos urbanos, e comprobando que boa parte das fincas das diferentes parroquias se convirten en solo rústico non urbanizable ¿como é que non se lanzan a unha campaña para facerlle ver ós milleiros de propietarios afectados os perxuízos económicos que o plan lles reporta?

Seguro que máis de un acérrimo votante do PP que ve as súas leiras, antes solares edificables agora convertidas en simples terras de cultivo, cambia de contado a súa intención de voto.

¿Por qué non se lanza o ataque? Pois habería que dicir que a probable razón é que no seu día, e así está recollido no preámbulo do antedito plan, os dous partidos da oposición votaron gustosamente a favor dese plan e agora teñen as mans atadas para exercer calquera tipo de crítica ó mesmo.

Unha merecida penitencia polo pecado cometido.

 

Cousas do momento e da memoria efémera

¿Quen podía pensar aló por decembro e xaneiro que o PP ía levantar cabeza logo do desastre do Prestige? ¿Quen se atrevía a aventurar a finais de marzo e ata ben entrado abril que o apoio que o PP estaba dando á conquista de Iraq non ía ter repercusión nos resultados das municipais do 25 de maio? Daquela, calquera que dudara do afundimento do PP era tildado de lunático. Hoxe, vista a cor que os acontecementos están tomando, tal afundimento xa non parace tan certo.

Daquela case todos sentimos a necesidade de manifestar a nosa dor e indignación contra un goberno que estaba desaparecido -no caso Prestige- ou que estaba demasiado implicado onde non debía -no caso da conquista de Iraq-, e percibiamos que esta indignación que nos embargaba acabaría por abatir ós gobernos galego e español e por varrer do mapa político ó partido que os sustentaba.

Os partidos que conforman a oposición tanto en Santiago como en Madrid así o interpretaron e puxeron a punto as súas maquinarias para dar o empuxón que consumara o derrube, seguros de que detrás tiñan

unha sociedade que avalaría a perpetuidade as súas lexítimas pretensións.

Pero esta contestación social, analizada agora cunha perspectiva temporal, foi unha reacción propia do momento que pouco a pouco se dispersou e diluíu por mor da memoria efémera na que as sociedades modernas -saturadas de información, propaganda e publicidade- gravamos os acontecementos que vivimos.

A inxenua oposición, pensando que o temporal non amainaría, propúxonos abandonar o barco que afundía mentres que o insensible goberno, sabedor de que despois do temporal sempre chega a calma, arriou velas e agardou que chegara esa calma e agora, pasado o temporal, e a pesares das avarías e desperfectos sufridos, sigue sendo dono do barco.

Pode que Aznar acabe asfixiado pola propia soberbia e menosprecio da oposición e da cidadanía pero, antes de que eso suceda, pode que a oposición leve unha gran desilusión por menospreciar tamén a un inimigo que consideraba vencido pero que non o estaba de todo.

 

Comentario sobre encuestas

Observo que de nuevo este sábado, al igual que el domingo pasado, en la encuesta de intención de voto para el 25m el PP adelanta al BNG gracias a sendas emisiones masivas de votos por una misma persona. Si bien este tipo de encuestas no son definitorias de la situación real  dada la reducida población que accede a la red y a la posibilidad de votar varias veces, no debiéramos tener ante ellas actitudes como las mantenidas por esa o esas personas que tratan de orientarlas en un determinado sentido. Si tenemos unos ligeros conocimientos sobre seguridad en la red sabemos que no es difícil eliminar la protección contra la duplicidad del voto diario. El hacerlo o no hacerlo depende del talante democrático de cada votante. Por lo que se ve, ese talante no anima a todos por igual. La verdadera encuesta se hará el 25 de mayo y cada partido quedará en el lugar que la ciudadanía lo pongamos más o menos merecidamente. Todo lo demás son especulaciones para pasar el rato y supongo que así lo entiende quien plantea estas encuestas virtuales y así lo debiéramos de entender quienes participamos en ellas.

 

Evolución do voto

Os resultados obtidos polas diferentes forzas que concurriron a anteriores comicios deixan claros tres aspectos a ter en conta:

1. O PSOE mantén un apoio estable duns comicios a outros.

2. O PP obtén menos votos nas autonómicas do 2001 que nas municipais do 1999.

3. O BNG obtén maís votos nas autonómicas do 2001 que nas municipais do 1999.

Tendo en conta que nos últimos comicios os votos que perdeu o PP foron a parar ó BNG e que o PSOE mantivo uns votos que parecen incondicionais cabería formular os seguintes interrogantes:

- ¿Cómo afectará a escisión do PSOE no voto dos ata agora incondicionais votantes?

- ¿Seguirá a tendencia ascendente do BNG e descendente do PP?

Se os apoios cos que contaba o PSOE se teñen que repartir entre a candidatura oficial de Domínguez e a paralela de Rosa García o fracaso está cantado para os dous xa que entre ámbalas dúas forzas terían difícil manter os tres representantes actuais do PSOE.

Se continúa a tendencia ascendente do BNG e a descendente do PP as cousas poden complicárselle a Torres dado que pode chegar a perder a maioría absoluta.

No caso de que Torres perda a maioría absoluta cabería preguntarse se as outras tres forzas serían capaces de chegar a un acordo para gobernar. A nivel autonómico o pacto PSOE-BNG non parece ter maiores problemas pero moito nos tememos que Domínguez, no caso de chegar a ter opcións de ser chave, arrimarase a Torres e non seguirá as consignas de partido que o impuxo. Tamén habería que preguntarse se a reconciliación entre socialistas oficiais e insurrectos sería posible. De non haber reconciliación tamén a IPR pode ser a chave e estaría con Torres e non co outro posible bando.

Aínda que a nivel estatal o PSOE supere en intención de voto ó PP, o nivel local ten outros parámetros para motivar a inclinación do voto. A valoración da persoa que encabeza unha candidatura ten pouco que ver coas siglas baixo as que se presenta e moito coa imaxe persoal diante do potencial votante, e non só por méritos propios senón tamén por deméritos dos contrincantes.

No actual panorama político de Ribeira de momento non parece que haxa quen lle faga sombra a Torres Colomer máis pola inconsistente e tibia oposición de PSOE e BNG -hai quen se atreve a chamala oposición constructiva- que pola xestión realizada.

 

Iraq e o Barbanza: preocupante

Xoán Fco. García Suárez Sindicalista da CIG

Nen con todas as mentiras e intentos de manipulación foron capaces de convencer á opinión pública da necesidade dunha guerra contra Iraq. É máis, a medida que pasan os dias, son máis as persoas que acaban recoñecendo que a actitude dos USA e dos seus aliados é realmente noxenta. Asi, foron vários –poucos- os dirixentes do PP que abandonaron o partido nun xesto de conciéncia, de humanidade. Un exemplo que ben merece un aplauso.

Cabe recordar que hai unhas semanas executaron nos USA a un diminuído psíquico, facendo gala do seu especial sentido da inserción social. Cousas de dereitos humanos, como os vinte millóns de pobres que teñen nas ruas. Todo un exemplo dos valedores das democrácias.

Sen embargo, no Barbanza, e salvando as pouco simbólicas aprobacións en plenos municipais de mocións contra da guerra, ainda estamos agardando a que o PP desta comarca, ou algun dos seus dirixentes, amosase un xesto que fose máis alá dunha mera declaración de intencións. Realmente resulta curioso. E tamén preocupante.

Preocupante, por que a actitude do Goberno parece encamiñada a amarrar os votos da ultradereita máis ráncia, con proclamas tipo Serrano Suñer da España casposa en branco e negro, con discursos que farian colorarse ao próprio Hitler, tentando amedrentar colgando-lle á oposición todo tipo de crímenes, pero olvidando que nas suas filas tamén teñen persoas con sensibilidade e, sobre todo, humanidade.

Polo tanto é preocupante que en Barbanza aínda non se producira a primeira demisión, nen sequer a primeira discrepáncia pública coa carniceria do povo iraquí. Preocupante, pois leva a pensar que os dirixentes que temos pertencen á extrema dereita e que deste xeito aproban as actitudes do seu partido no Goberno.

Quero pensar que iso non é asi, e que realmente lles custa pronunciar-se en público por medo a perder o sillón ou por represálias. Neste caso o feito é quizáis máis grave, pois demostran que a guerra é para eles un asunto secundário, pois os mortos iraquis non votan. Alguns traicionan asi incluso aos princípios que, como cristianos e católicos, sempre defenderon. Pero seguramente ocorre que por enriba destes princípios hai outros máis poderosos, máis prácticos e máis materiais.

Tivo o PP de Barbanza –e ainda está a tempo-, unha ocasión de ouro para demostrar o seu parecer sobre ésta guerra, para demostrar a sua verdadeira cara, a non ser que, como supoñia unhas liñas máis arriba, sexa ésta a cara verdadeira: a complicidade da calada por resposta.

Agora que, coas actitudes inamovíbeis demostradas coa LOU, a resposta á contestación social pola Reforma Laboral e as manipulacións e mentiras no Prestige, por poñer só uns exemplos, xá non quedan dúbidas do que temos.

E algun pensará que o fixeron moi ben. Irá-lles aos xantares de tortilla e empanada baixo unha lona e votará-lles nas vindeiras eleicións. Iso é o realmente perigoso. E cháman-lle democrácia.

 

Unha campaña diferente

Parece que os partidos que concorren ás vindeiras municipais teñen as súas estratexias propagandísticas xa preparadas para afronta-la campaña. O PP parece que basea a súa campaña nas realidades presentes e futuras do Plan Galicia para facernos esquence-la nefasta xestión do asunto Prestige. PSOE e BNG argumentan o desastre do Prestige e o apoio á invasión de Iraq como motivos para que os votantes optemos por castigar ó PP. Do programa da Iniciativa Progresista ata o momento pouco máis coñecemos que a súa suposta orientación izquierdista.

Tendo en conta que o que realmente se escolle nestas eleccións é a persoa que queremos para alcalde cabería preguntarnos se o asunto Prestige ou a invasión de Iraq son temas para o debate municipal.

Tódalas forzas que concorren a estes comicios teñen sen saír de Ribeira un repertorio tan grande de problemas como para abandoar o discurso oficial de partido e entrar no debate puramente municipal. De non facelo así os votantes poderiamos pensar que non hai intención de aborda-los problemas concretos que a diario temos que sufrir e polos que ninguén parece amosar interés.

Os argumentos Prestige e Iraq que manexan quenes están na oposición, de non contaren con outros argumentos puramente municipais que os acompañen, poden ter un efecto negativo nos resultados agardados e acabar beneficiando ó PP que, de saír triunfante despois de todo o que está a caer, perpetuaríase no poder para os séculos dos séculos.

 

 

4¿Por que non votei ó PSOE?

4¿Por que votei ó PSOE?

4Nacionalismo territorial e nacionalismo cultural

4Situación periférica e outros condicionantes

4Unha cousa é lexislar e outra facer cumpli-la lei

4El futuro de la IPR

4Resultados para reflexionar

4Las cosas claras: ganó Torres

4Os resultados do 25m en Ribeira a primeira vista

4E Ventoso retomou a palabra

4Leo e non dou crédito

4Non abonda con ser honrado: hai que parecelo

4¿Para qué tantos carteis?

4Máis debates, por favor

4A campaña en marcha

4Algo más sobre la memoria efímera

4O talón de Aquiles do PP

4Cousas do momento e da memoria efémera

4Comentario sobre encuestas

4Evolución do voto

4Iraq e o Barbanza: preocupante

4Unha campaña diferente

 

Colaboracións anteriores